E chega o día no que non queda máis remedio que facer balance do vivido, do sentido, do falado e do calado. Noutras ocasións o resumo presentábase cargado de sorrisos e de bos momentos, pero non é nesta ocasión así.
Camiñamos cada día coa ilusión de acadar tódalas metas que nos propoñemos, coas ganas de ser feliz, pero, como identificaremos dita felicidade cando por fin a consigamos? Non quero poñer en dúbida a creación humana en xeral, pero no meu caso particular, resultou bastante incompleta. Hai veces nas que 5 sentidos non son suficientes para percibir todo o que se sinte.
E entón só queda lamentarse e suspirar polos erros cometidos, desexando obter unha máquina do tempo que nos permita volver atrás para tomar a outra dirección, non sempre oposta, pero si diferente. Pero as cousas non son así de sinxelas, e non queda máis remedio que coller folgos e tratar de sorrir, non por un mesmo, senón polos que nos rodean e precisan de nós.
Cada día teño máis claro que nada será como foi, nada será tan bonito nin tan especial, que a vida non irá a mellor. Non estamos todos os que eramos e iso non ten solución, por moito que tratemos de buscar esa felicidade inconclusa, non seremos quen de acadala, nin sequera de identificala se a vemos na persoa allea.
Porque o que doe non é perder a alguén, o que doe é querer.